Tuesday 21 de May de 2024

A Mesa polo Lecer Saudable presenta as súas liñas de traballo para reducir o consumo de alcol entre a mocidade


A Concellería de Benestar Social sinala que a implicación das familias é esencial para acabar co botellón

A declaración dos xardíns de Méndez Núñez como Zona de Especial Protección non é a única medida que o concello ten previsto poñer en marcha contra a práctica do botellón. De maneira paralela, a concellería de Benestar Social, a través da Mesa polo Lecer Saudable que celebrou unha nova reunión esta tarde en María Pita, traballa para ampliar o abano de programas de lecer que reforcen aos de longa tradición no concello como Nocturnia e que eviten que a mocidade comece o consumo a idades cada vez máis temperás.

A Mesa, conformada nesta reunión pola alcaldesa, Inés Rey; o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada; a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontá;, o edil de Cultura, Jesús Celemín; o responsable de Seguridade Cidadana, Carlos Touriñán; a titular de Benestar Social, Yoya Neira; e persoal técnico, presentou as liñas de traballo que levarán a cabo para buscar alternativas de lecer que sirvan para reducir o consumo de alcol e acaben co botellón.

Entre as medidas que se están a estudar destaca a adaptación da iniciativa islandesa Planet Youth, que se implantou con éxito noutras cidades como Tarragona, en que se fai un análise do perfil dos usuarios que practican o botellón e téntase crear unha contorna onde a mocidade teñan a posibilidade de encher as súas horas de lecer con outras actividades. Para levar a cabo este programa, insisten desde a concellería, é moi importante a implicación da familia para crear unha rede de apoio, control e oportunidades para os/as novos/as. Para iso, técnicos municipais manteñen contactos con responsables do Centro Islandés de Investigación e Análise Social (ICSRA) creadores do programa. Outra das
Nota de Prensa

medidas que se tomarán será a posta en marcha de campañas para concienciar sobre os efectos nocivos que provoca na saúde o consumo de alcol.

A folla de roteiro da Mesa incluirá accións que pasan por fomentar o civismo entre os mozos/as e evitar, na medida do posible, as sancións económicas pola práctica do botellón substituíndoas por labores sociais a través da oficina de voluntariado xuvenil.

O traballo técnico seguirá ata chegar a seguinte fase anunciada pola alcaldesa no pasado mes de decembro que consistirá en reunir a entidades xuvenís, educativas, sociosanitarias e anpas para facelas partícipes dos plans do Goberno municipal